O Patrimonio Inmaterial representa a fonte vital dunha identidade profundamente enraizada na Historia e comprende “o conxunto de formas da cultura tradicional e popular ou folclórica, quer dicir, as obras colectivas que emanan dunha cultura e se basean na tradición. Estas tradicións transmítense oralmente ou mediante xestos e modifícanse co decorrer do tempo através dun proceso de recreación colectiva. Inclúense nelas as tradicións orais, os costumes, as linguas, a música, os bailes, os rituais, as festas, a medicina tradicional e a farmacopea, as artes culinarias e todas as habilidades especiais relacionadas cos aspectos materiais da cultura, tales como as ferramentas e o hábitat.”
A índole efémera deste patrimonio intanxíbel tórnao vulnerábel. A salvagarda deste patrimonio debe partir da iniciativa individual e recibir o apoio das asociacións, especialistas e institucións.
A candidatura multinacional proposta baixo a denominación “As tradicións orais galego-portuguesas”, refírese a unha marca distintiva das expresións culturais das rexións do Norte de Portugal e de Galiza (España), que as caracteriza como unha unidade de prácticas sociais e simbólicas, das que a tradición oral é unha manifestación orixinal. Proponse esta tradición oral como Masterpiece of Oral and Intangible Heritage of Humanity e vincúlaa ás manifestacións materiais e simbólicas no Noroeste Peninsular porque nela encontran sentido e teñen orixe as comunidades humanas aquí residentes e que teñen conciencia da importancia deste mundo da oralidade na construción da súa identidade cultural. A excepcionalidade desta candidatura reside no feito de ser testemuña dun pasado e dun presente que ultrapasa as barreiras políticas, através do sentimento de pertenza a unha cultura común posta en causa por algúns dictames da historia e polas transformacións da sociedade contemporánea, que a experiencia de novos contactos reavivou e esixiu a salvagarda. Independentemente de algúns compoñentes da cultura tradicional estaren presentes tamén noutras terras da Península e de Europa, o feito a destacar é que neste espazo xeo-cultural eses compoñentes gañan un singular significado. As rexións do Norte de Portugal e de Galiza conservan, aínda, un conxunto de prácticas sociais e unha tradiçión oral que, de algunha forma, as individualiza no conxunto das demais rexións portuguesas e españolas.
As tradicións culturais aquí transmitidas de xeración en xeración son a herdanza común das comunidades sociais que neste espazo viviron ao longo dos séculos. O patrimonio cultural oral destas comunidades está, para alén dos múltiples contributos herdados de diferentes participantes, marcado polas características xeográficas e ecolóxicas da rexión.
O Noroeste Peninsular, máis alá de toda a pluralidade e variedade de expresións culturais que presenta, caracterizase por valorizar un conxunto de tradicións culturais comúns, cuxa xustificación encontramos tanto no proceso histórico que a constituíu, como na lingua comun que compartiron, como nun contexto ecolóxico propio. O Norte de Portugal e Galiza presentan un conxunto de condicionantes ecolóxicas que encontran expresións socioculturais moi similares configurando unha sub-rexión cultural. A xeografía e a ecoloxía do territorio non só a individualizou senón que, impuxeron aos seus habitantes a adopción de estratexias económicas particulares que interpretaron e renovaron o seu mundo simbólico.
VÍDEO PROMOCIOANL DA CANDIDATURA DO PIGP: